Friday 26 de April de 2024

A Xunta fai entrega ao concello de Arteixo das obras de urbanización da fase B do parque empresarial de Morás


 O Concello recibe máis de 99.000 m2 en tres parcelas e dous viarios, ademais das infraestruturas de saneamento, iluminación, etc.

 A maior parte do ámbito da fase B foi adxudicada a Hijos de Rivera, pero quedan catro parcelas máis, que se porán a disposición dos empresarios en 2022

A Xunta de Galicia fixo entrega ao Concello de Arteixo das obras de urbanización da fase B do parque empresarial de Morás, unha vez rematadas as mesmas.

A través da empresa pública Xestur, promotora desta área empresarial, a Xunta entregou ao Concello os dous novos viarios, cunha superficie total de 15.090 m2, así como tres parcelas, unha das cales está destinada a aparcamento 8.075 m2 e as outras dúas a espazos libres, cunha superficie total de 76,339 m2. En total, o Concello recibiu unha superficie de 99.504 m2, ademais das instalacións e infraestruturas emprazados nos mesmos (saneamento, alumeado público, etc.)

A fase B do parque empresarial de Arteixo ocupa unha superficie total de 598.425 metros cadrados, dos que 498.365 corresponden ás cinco parcelas nas que se divide. A maior parte delas 466.137 m2, xa foi adxudicada a Hijos de Rivera, mentres que as catro restantes, cun total de 32.228 metros cadrados, poranse a disposición das empresas interesadas este mesmo ano.

A Xunta leva investidos máis de 86,5 millóns de euros no parque empresarial de Morás, dos que máis de 30,5 M€ corresponden ás obras de urbanización da fase B.

Dende a posta en servizo da fase I deste polígono industrial, Xestur xa adxudicou un total de 677.985 metros cadrados, con bonificacións por importe de 13,4 millóns de euros